04 marzo 2014

No café

   Coma sempre rodeado de xente, coma sempre sorrindo e respondendo coa locución verbal e adverbial adecuada a todas as preguntas, rogos e suxerencias da súa audiencia. Coma sempre destilando en sociedade esa imaxe efímera en contraste cos seus instintos carnais, tan terrenais que farían arrubiarse á mesma serpe, pois a árbore que ela gardaba estivo sempre aos seus pés. 

Ela mírao desde a barra, pedindo un con leite para levar. Unha coma esquiva no cartaz da entrada manifesta que naquel rancio establecemento, cubil da burguesía de posguerra e hoxe tomado por estudantes, funcionarios e outra xente de mal vivir, dispoñen de café con leite e, para levar, leite de soia e pan integral. Malia tentación de seguirlles o malogrado xogo lingüístico e pedir leite e pan, opta pola corrección do ignorante calmando os berros pola xustiza gramatical coa beleza da paisaxe dese anaquiño de pel seu que lle liga o pescozo cos ombreiros ao abeiro dun sueter gris de cachemir. 

No fondo quere que que a mire, que a vexa, que lle devolva esa ollada de contido desexo, de dozura que non amarga ningún café, e como sentindo a lapela do proído dos seus ollos verdes nese mi minúsculo anaquiño de pel exposta, el vira a cabeza cara a súa dirección e saúdaa cun sorriso. 

- Como estás?
- Ben -responde ela, tapando o vasiño de papel de ouvidas-. Imos tirando. Xa vexo que ti estupendo, telos encandilados, non che quitan ollo.
El escúdaa das miradas alleas co seu corpo, que xa non é apolíneo e tampouco importa. 
-Non é para tanto, xa sabes que non é o mesmo sen ti.
-Claro, claro. Iso nos dis a todos. A ver se quedamos para tomar unhas cañas un día destes e o demostras.
 Velaquí vai o seu órdago a grande, sen esperanzas de gañar a man pero con valentía.
- Cando queiras. 
É unha aposta que non pode predecir, un todo ou nada que a desnuda até os ósos da ialma e que chama a procurar a súa calor nunha aperta tímida que non quere ser recatada. Porén presiona os seus dedos forte contra as cóstas de el mentres recolle as dedas e conta mentalmente até dez, abusando da cortesía do que non a repudiará en público antes de soltalo. Dez segundos, dez, que enchen as súas vísceras todas de gozo e soltan amarras dos músculos da súa columna nun mar de absoluta relaxación. Dez segundos, dez, nos que baleira a vaina do seu corpo para sobresaturala coa esencia desa pel que a chama, e dez segundos, dez, nos que non se miran aos ollos polo medo, fundado, a deter o tempo.

Volta o rebumbio do bar. Volta o son monótono e disharmónico da tragaperras e o frufrú dunha rolla a fregar o mostrador. Sen miralo, escoita a súa despedida, sostendo un fervente café que xea as mans e calando o bruar de tambores de guerra na gorxa.


-Merquei pescada para a cea. Fágocha á romana?

No hay comentarios: